O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, reuniuse con representantes dos distintos ámbitos do sector turístico galego, encabezados polo presidente do Clúster Turismo de Galicia, Cesáreo Pardal, para abordar evolución que o coronavirus está a ter na Comunidade. Esta xuntanza dá continuidade á mantida a semana pasada co obxectivo de establecer unha vía de diálogo fluído que permita facer seguimento da situación cunha canle de comunicación estable.

Co obxectivo de que dispoñan de información de primeira man, o conselleiro explicou aos empresarios do sector turístico as medidas de prohibición e limitación aprobadas onte no Consello da Xunta e que comezan a aplicarse desde hoxe. Trátase de decisións que afectan a equipamentos culturais como museos ou arquivos, a albergues de peregrinos da rede pública no Camiño de Santiago ou a eventos tanto ao aire libre como en espazos pechados.

O conselleiro subliñou, así mesmo, a importancia de seguir en todo momento as indicacións das autoridades sanitarias, que instan a pospoñer todas aquelas viaxes que non sexan imprescindible para a normal prestación dos servizos esenciais, e emprazou a aplicar as recomendacións incluídas na Guía de boas prácticas para os establecementos e traballadores do sector turístico elaborada polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo e que a Xunta xa distribuíu na nosa Comunidade como material informativo de apoio.

Román Rodríguez quixo coñecer a afectación que o coronavirus está ter nas distintas áreas do sector, as súas propostas e necesidades para establecer unha senda de traballo conxunta que permita reducir e minimizar o impacto do coronavirus na súa actividade. Nese sentido, expresou o compromiso do Goberno galego para avaliar medidas e actuar como interlocutor tanto ante o Goberno central como en todas as vías que sexa necesario.

Medidas establecidas desde hoxe

Cómpre lembrar que, desde hoxe, se suspende a apertura ao público de museos, arquivos e outros equipamentos culturais dependentes da Administración autonómica. No caso das bibliotecas, poderán permanecer abertas, limitando a súa capacidade ata un terzo do máximo permitido co fin de posibilitar a separación dos usuarios e dificultar a transmisión do virus. Así mesmo, recoméndase ás demais administracións titulares de equipamentos culturais a inmediata adopción de medidas semellantes.

As limitacións afectan tamén a espectáculos públicos e actividades recreativas (actividades de lecer, culturais e similares). Así, en espazos pechados, suspéndese a celebración de espectáculos públicos e actividades recreativas con máis de 500 persoas en espazos pechados. En caso de estar por debaixo deste límite poderán celebrarse sempre que non se supere un terzo da capacidade autorizada, aplicando as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias. Esta limitación non afectará a espazos pechados cunha capacidade igual ou inferior a 50 persoas, se ben deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.

Pola súa banda, en espazos abertos recoméndase a suspensión da celebración de actividades colectivas ao aire libre. En todo caso, suspéndense aquelas que concentren máis de 1000 persoas (mercados, festivais, concertos, feiras, festas populares e similares). Ademais, deberán aplicarse as medidas de distanciamento entre grupos de persoas conforme as recomendacións sanitarias.

Finalmente, nos albergues de peregrinos, restrínxese a ocupación dos establecementos da rede pública da Xunta de Galicia a un terzo da súa capacidade máxima. Ademais, permanecerán pechados os seus servizos comúns. Xa foron tamén distribuídos materiais e indicacións na procura de extremar e incrementar as medidas de hixiene e limpeza.



Source link

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja una respuesta

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *