O conselleiro de Cultura e Turismo, Román Rodríguez, visitou hoxe a cidade de Cáceres para manter un encontro coa titular estremeña de Cultura, Turismo e Deporte, Nuria Flores, e ofrecer unha conferencia no Palacio de Oquendo na que explicou as oportunidades que supón para o conxunto do Estado a celebración do Xacobeo 21. Durante este encontro, Román Rodríguez e Nuria Flores tiveron a oportunidade de unir forzas e analizar a posibilidade de impulsar accións conxuntas que permitan promocionar a Vía da Prata coa visita posta no vindeiro Ano Santo.

O responsable de Cultura e Turismo da Xunta subliñou que o Camiño de Santiago é “un eixo que vertebra España” e salientou o enorme potencial de crecemento da Vía da Prata, especialmente ás portas do vindeiro Ano Santo. Así, entre as súas calidades destacou o seu clima favorable nas estacións intermedias, converténdoa nunha ruta adecuada para os meses da primavera e o outono, ou as súas condicións óptimas para os peregrinos que realizan a ruta a cabalo e en bicicleta, sumado ás sinerxías cos trazados que percorren Portugal. Ademais, trátase dunha ruta vinculada a destacadas cidades e recursos arquitectónicos e artísticos distinguidos pola Unesco como Patrimonio da Humanidade.

Neste sentido, e para poñer en valor as particularidades desta ruta, Román Rodríguez e Nuria Flores analizaron medidas para mellorar o estado, a sinalización e os servizos desta importante vía e exploraron, ademais, promover iniciativas conxuntas centradas neste trazado. Nesta liña, o conselleiro lembrou a importancia de unir forzas entre comunidades, un obxectivo no que a Xunta de Galicia xa está traballando levando a cabo unha importante ronda de contactos por toda España que se iniciou o pasado mes de setembro en Andalucía e que continúa este fin de semana en Estremadura.

“Un mapamundi de peregrinos”

Ademais de reunirse con Nuria Flores, Román Rodríguez tamén ofreceu unha conferencia sobre as oportunidades que supón a celebración do vindeiro Ano Santo. Na súa intervención, o titular de Cultura e Turismo puxo en valor o carácter internacional da Ruta Xacobea. “No que vai de ano chegaron a Santiago persoas de 186 nacionalidades, un auténtico mapamundi de peregrinos que se converteron nos mellores embaixadores da nosa cultura e que levaron consigo parte dos territorios polos que camiñaron”, afirmou.

Nesta mesma liña, precisou que foi precisamente esta faceta multicultural do Camiño de Santiago sobre a que se construíu o espírito xacobeo e a historia de Europa. “Os valores universais que empapan cada pedra do Camiño son os que nos definen como pobo e os que definen o que debería ser Europa”, declarou.
Román Rodríguez analizou tamén a posibilidade que supón a celebración do Xacobeo 21 para o conxunto do Estado salientando que a Ruta Xacobea é “un recurso socioeconómico de primeira orde que contribúe a dinamizar todos os territorios polos que pasa”.
 



Source link

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *