Santiago de Compostela, 3 de novembro de 2019.- A Consellería de Política Social ofrece dous cursos de lingua de signos para persoas voluntarias e, desta maneira, promover a inclusión das persoas xordo-cegas e xordas. Estas formacións contarán cunha modalidade en liña e outra presencial, que terá lugar no centro coordinador de información e documentación xuvenil de Santiago de Compostela.

Ambos os cursos están compostos por 30 horas divididas en tres unidades diferentes. A modalidade en liña, que comeza este luns, xa ten as súas 30 prazas cubertas. Con respecto ao curso presencial, con 15 prazas, ten aberta a súa inscrición para participar nas clases que se realizarán os días: 18, 19, 20, 21, 25, 26, 27 e 28 de novembro e 2 e 3 de decembro entre as 17 e 20 horas.

Entre os contidos que se impartirán nestes cursos destacan a adquisición de léxico relativo a datos persoais e situacións concretas, así como a aprendizaxe de vocabulario en frases sinxelas e breves sobre instrucións de orientación e localización no espazo, entre outros.

O desenvolvemento desta iniciativa persegue a sensibilización da sociedade para eliminar o illamento social e comunicativo das persoas xordo-cegas e xordas en situación de exclusión social, así como potenciar o valor da figura da persoa voluntaria. O obxectivo da Xunta de Galicia é establecer unha canle de participación entre institucións para beneficio das persoas máis vulnerables e da sociedade galega no seu conxunto.

Esta iniciativa forma parte dun dos obxectivos do protocolo asinado entre a directora xeral de Xuventude, Participación e Voluntariado, Cristina Pichel, e o presidente da Federación de Asociacións de Persoas Xordas de Galicia, Iker Sertucha, para promover o voluntariado na atención ás persoas xordo-cegas.
 



Source link

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *