A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Educación Universidade e Formación Profesional, ten activadas inversións por valor de 1,6 millóns de euros en obras e reformas de 16 centros educativos de primaria e secundaria en Vigo. Así o informou hoxe a delegada territorial, Corina Porro, na rolda de prensa na que anunciou a rehabilitación integral do CEIP García Barbón por un importe que supera os 752.000 euros.

Segundo detallou, trátase de obras recentemente rematadas no caso do CEIP Ramón y Cajal (18.000 euros), CEIP Vicente Risco (45.000 euros), CEIP Párroco Don Camilo (60.000 euros), CEIP Otero Pedraio (60.000 euros) e IES Carlos Casares (33.313 euros); ou en execución no caso do CEIP García Barbón (752.416 euros), CEIP Santa Mariña (112.517 euros) e CEIP San Salvador de Teis (120.605 euros).

Actuacións ás que hai que sumar, dixo, os cambios de fontanería que se acometerán nos vindeiros meses en outros cinco centros vigueses, e que superan os 180.000 euros. Trátase do CEIP Carballal Cabral, CEIP Mosteiro Bembrive, CEIP A Paz Tintureira, CEIP O Pombal e CEIP San Salvador de Teis.

Asemade, a representante autonómica anunciou o inminente inicio do cambio da cuberta no IES Politécnico cun investimento que acada os 141.000 euros; a reconstrución do muro do CEIP Lope de Vega (20.000 euros) e os aseos infantís proxectados no CEIP Josefa Alonso de Alonso (20.000 euros). En resumo, dixo Corina Porro, 1,6 millóns de euros en obras e reformas coincidindo co período non lectivo, de xeito que a meirande parte das obras de maior impacto e incomodidade estarán rematadas no comezo do curso.

Rehabilitación CEIP García Barbón

Tal e como sinalou Corina Porro a Consellería de Educación, Universidade e Formación Profesional vén de adxudicar por un importe que supera os 752.000 euros a rehabilitación integral do CEIP García Barbón. En conxunto nove actuacións que afectan ao edificio central e outras tres ao ximnasio.

En canto a edificio principal, informou que se substituirá a carpintería e vidreiría exterior, co obxectivo mellorar o illamento e a permeabilidade ao aire, principalmente na fachada posterior e os aseos; se cambiará a cuberta de tella por un panel de aceiro con illamento; se instalarán dúas caldeiras de biomasa e se cambiarán as luminarias actuais por equipos LED, coa consecuente diminución da demanda enerxética e incremento do confort do edificio. Así mesmo, dotarase ao centro dunha rampla accesible e un ascensor eléctrico. Respecto ao ximnasio, substituirase a cuberta de toda a edificación, illarase perimetralmente todo o interior da pista deportiva e instalaranse tamén equipos LED.

Segundo dixo a representante autonómica, “a obra conta con todos os informes favorables, xa está marcha e ten un prazo de execución de 3 meses”.

“Estamos a falar dun importante volume de recursos públicos destinados a un área que é prioritaria para este goberno, a educativa, e que vén a confirmar o compromiso da Xunta de Galicia con Vigo”, sinalou. Un compromiso que, a delegada territorial, exemplificou nos 22 millóns destinados desde 2009 aos distintos centros vigueses e que converten a Vigo no concello de Galicia con maior investimento neste ámbito.

Neste sentido, nos últimos 10 anos acometeuse en Vigo a rehabilitación total do CEIP Virxe do Rocío (preto de 2,5 millóns de euros), así como ampliacións de calado en centros de ensino como o CEIP Alfonso Rodríguez Castelao de Navia (máis de 3,2 millóns de euros) ou o IES de Teis (máis de 1,5 millóns de euros), entre outras actuacións de relevancia.



Source link

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *