A comisaria do Xacobeo 21, Cecilia Pereira, destacou hoxe a “gran participación” dos galegos na programación do vindeiro Ano Santo a través da iniciativa O teu Xacobeo, a convocatoria de proxectos aberta pola Xunta a toda a sociedade cun investimento total de 4,7 millóns de euros e que propiciará a posta en marcha de 352 iniciativas de dinamización en toda Galicia como antesala desta celebración.

Precisamente, Cecilia Pereira participou hoxe nunha visita teatralizada polas rúas de Padrón e a área de Santiaguiño do Monte incluída dentro da programación de O teu Xacobeo. A actividade, na que participaron preto de 50 persoas, a meirande parte rapaces de entre 5 e 12 anos, correu a cargo do actor Suso Martínez, que estivo caracterizado de Atanasio, o discípulo de Santiago que trouxo a Galicia o corpo sen vida do seu mestre e que narrou en primeira persoa este episodio.

A comisaria do Xacobeo 21 resaltou que esta actividade é un exemplo do “carácter participativo” do vindeiro Ano Santo ao tratarse dun proxecto proposto polo Concello de Padrón e incluído na programación de O teu Xacobeo. Precisamente, este programa inclúe máis de 350 proxectos propostos por concellos, empresas privadas e entidades sen ánimo de lucro, dos que máis dun cento terán lugar ata o remate do verán por toda a xeografía galega difundindo os valores do Camiño de Santiago.

Neste sentido, Cecilia Pereira incidiu na necesidade de facer do próximo Xacobeo 21 un evento “descentralizado”, estendendo a súa influencia a toda Galicia, e no que a cidadanía sexa “protagonista”, favorecendo a súa participación.

Máis dun cento de actividades este verán

A visita teatralizada polas rúas da vila coruñesa enmárcase dentro do proxecto Padrón, o berce do Camiño, a iniciativa cofinanciada ao abeiro de O teu Xacobeo co obxectivo de poñer de relevo o patrimonio e a importancia deste concello no Camiño de Santiago.

Ademais desta actividade, o proxecto inclúe outras dúas iniciativas. A primeira delas consiste na creación dunha aplicación web baseada en mapas interactivos con información sobre o patrimonio cultural inmaterial asociado ao Camiño de Santiago a Padrón e que se publicará na web do Concello. A segunda inclúe a realización deste tramo da Ruta Xacobea coa presenza dun guía durante todo o percorrido.

Esta será unha das máis de cen actividades que a Xunta impulsará este verán no marco de O teu Xacobeo. As diferentes propostas reflicten unha gran variedade. Desde as audiencias ás que van destinadas: público xeral, mocidade e infancia ou colectivos especialmente sensibles que precisan maior visibilidade; ata as temáticas: eventos sociais, culturais, deportivos ou que potencian a riqueza patrimonial do Xacobeo 21. Outro dos obxectivos do programa é que chegue ao maior número de concellos galegos, con especial atención aos máis pequenos, e que teña en conta os diferentes Camiños, que abranguen máis de 1.500 quilómetros en toda a nosa Comunidade, especialmente en municipios do rural.



Source link

0 comentarios

Dejar un comentario

¿Quieres unirte a la conversación?
Siéntete libre de contribuir!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *